A igrexa de Santa María foi mandada edificar por Fernán Pérez de Andrade, nos últimos anos do século XIV e primeiros do XV, aproveitando unha edificación románica anterior.

De situármonos diante da fachada veremos que posúe dúas fornelas a ambos lados da entrada principal, nos que se representan figuras da Anunciación. Perto da porta de acceso veremos aínda unhas molduras arqueadas que a arrodean, as arquivoltas,que lembran moito as deseñadas polo Mestre Mateo no Pórtico da Gloria da catedral compostelá. Sobre a porta, no tímpano, represéntase o tema da adoración dos reis: a figura central sentada é a virxe co neno en brazos. Á dereita a Anunciación e á esquerda os tres reis magos adoran o neno. A fachada completa o seu esquema cun rosetón circular que leva luz ao interior, coroado cun campanario lateral na banda dereita do templo.

Xa dentro podemos comtemplar unha planta dicidida en tres naves. A central máis ancha que as laterais, separadas por grandes piares compostos. Este tipo de esquema arquitectónico é coñecido como planta basilical. Se seguimos camiñando cara o altar maior, veremos que cada unha das tres naves ten o seu correspondente ábside, sendo heptagonal o do centro e cadrangulares os laterais. É ben poñer en destaque os grupos escultóricos do altar maior tallados no séc. XV por obradoiros flamencos en madeira policromada, que representan a vida e paixón de Cristo. De grande valor, as pezas foran roubadas no ano 1981 e só se recuperou parte delas.

  • Fonte: Concello de Betanzos